Falece un motorista en Santiago e un mozo morre atropelado en Burela

A vítima camiñaba de madrugada pola gabia da nacional 634 á altura de Burela en dirección Cervo e non levaba chaleco reflector. O condutor que o atropelou deu negativo nas probas de alcol e drogas.
"Non sabemos por que estaba circulando por aquí, está todo valado, ía sen chaleco, unha cousa estraña, totalmente anormal". "O condutor do outro coche dixo que non o vira, que sentira un golpe, que non vira nada ata que sentiu o golpe, que ata que sentiu o golpe non se deu conta de nada, o coche estaba parado e un minuto despois viña un coche detrás que foi o que chamou o 112", informan dende Protección Civil de Burela.
A Garda Civil traballa agora para tratar de identificar á vítima que non levaba enriba ningunha documentación. O feito de que se trate dun home de raza negra levou a Garda Civil a contactar coa comunidade caboverdiana e senegalesa asentada en Burela por si puideran aportar algún dato
Accidente de moto en Santiago
Non foi a única vítima mortal da pasada madrugada nas estradas galegas. En Santiago, pouco antes das 2 da madrugada, falecía un motorista de 43 anos que saíu da estrada en Chaián, nun treito recto coa velocidade limitada a 60.
A vítima circulou uns cincuenta metros por fóra da vía, ata que acabou caendo do seu vehículo. Morreu practicamente no acto, os servizos sanitarios non puideron facer nada pola súa vida.