CRTVG

Buscar

Falece un home en Teo atrapado por un tractor contra un muro

Publicado o 10/08/2020 16:42

Unha fatal casualidade acabou coa vida dun home no lugar de Francos, na parroquia teense de Faramello. Rematara de xantar neste pendello que a empresa de xardinaría en que traballa usa como almacén. Segundo as testemuñas, dende o chan accionou a chave de contacto do tractor, pero sen decatarse de que tiña unha marcha metida.

O vehículo arrancou de súpeto e o operario, sen espazo nin tempo para reaccionar, quedou atrapado entre a roda traseira dereita e o muro do alpendre. Axiña chegaron os servizos de emerxencias, pero nada puideron facer por salvarlle a vida. Tampouco un compañeiro que nese intre estaba canda el no lugar. A vítima mortal tiña 51 anos e era natural do concello da Baña. Era un condutor habitual do tractor e levaba moitos anos traballando nesta empresa, dedicado á roza de parcelas forestais e a recollida de leña.