Morre un home de 81 anos en Vila de Cruces ao envorcar o seu tractor
O accidente ocorreu á unha e media, a poucos metros da igrexa de Piloño, na estrada que vai dende Arbeán ata Combarro. Manuel Otero, de 81 anos, viña traballar co seu tractor na leira, pero cando subía pola pendente, coa fresa en alto, o tractor levantouse de diante e envorcou.
Juan José Muñoz Iglesias, xefe do parque de bombeiros de Silleda: "O tractor véuselle cara atrás, non foi capaz de dominalo posiblemente polo propio peso da fresadora e acabou envorcando na pista, coa mala sorte de que o tractor non tiña arco de seguridade".
O home quedou atrapado entre o tractor e o asfalto. Faleceu no acto. Pouco tempo despois atopouno unha veciña.
Salomé Ríos, veciña: "O señor estaba traballando nunha leira aí arriba. Esta é a nosa. Miña nai viña por uns pementos para o mediodía e cando chegou aquí viu o tractor envorcado e o señor atrapado. Ela chamou por el pero xa non... e logo chamou o 061 e o 112".
Os equipos sanitarios desprazados á zona xa non puideron facer nada por salvarlle a vida.