Falecen dúas persoas en senllos accidentes de tráfico en Melide e na Estrada
• A vítima mortal na Estrada tiña 19 anos e dous mozos resultaron feridos, un é menor de idade
• O falecido en Melide tiña 37 anos e non levaba o cinto de seguridade

Foto correspondente ao accidente da Estrada
Un home de 37 anos faleceu este luns nun accidente de tráfico rexistrado ao envorcar o vehículo no que circulaba no municipio coruñés de Melide. O suceso tivo lugar sobre as 01:10 deste luns cando unha furgoneta que circulaba polo quilómetro 48 da estrada AC-840 ao seu paso por Melide envorcou e ocasionou a morte do seu condutor e único ocupante.
O 112 indicou que foi mobilizado persoal sanitario do 061, Garda Civil de Tráfico, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e servizo de mantemento da vía. Ao lugar, o 061 enviou dúas ambulancias e persoal sanitario do PAC de Melide para atender o home, de 37 anos, que faleceu no lugar do accidente, segundo confirmaron fontes sanitarias.
Falece un mozo de 19 anos e hai dous feridos nun accidente na Estrada
Por outra banda, unha hora máis tarde, o 112 Galicia era alertado doutro tráxico accidente no concello pontevedrés da Estrada. Neste caso, unha colisión frontal entre dous turismos que circulaban pola PO-182, na recta de Baloira. Unha persoa faleceu e dúas quedaron feridas e tiveron que ser trasladadas polos servizos sanitarios.
Ao fío das 02:00 horas, persoal do concesionario dun dos vehículos sinistrados informaba ao 112 dun accidente entre dous turismos no cruzamento da PO-841. Ao mesmo tempo, unha persoa particular contactaba cos xestores de emerxencias para indicar que dous coches colidiran na recta de Baloira e que un deles se atopaba nunha leira.
Tras chegar ao punto, os servizos sanitarios confirmaron o falecemento dun dos tres ocupantes dun dos vehículos implicados. Ademais, segundo indicaron os membros do GES, os outros dous quedaron feridos e foi necesario o uso do material de excarceración para liberar un deles.
Os dous ocupantes do outro vehículo non precisaron asistencia sanitaria.