Falece un home ao ser alcanzado por un tren no Porriño

Un home morreu esta mañá despois de ser alcanzado por un tren no Porriño. Sucedeu no tramo da liña férrea que vai da saída do Porriño ata As Gándaras. A circulación de convois permanece interrompida nesta zona mentres dure a intervención dos servizos de emerxencia desprazados.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos Bombeiros do Porriño, o corpo sen vida do varón atopábase accesible, polo que descartaron empregar o material de excarceración para liberalo.
Foi sobre as 12:00 da mañá cando o 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos a través de Adif e solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos bombeiros da localidade, de Protección Civil e dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, que tratan de esclarecer as circunstancias deste suceso.