CRTVG

Buscar

Falece un home ao envorcar o seu tractor no Saviñao

Publicado o 22/02/2019 21:18

• O home, de 75 anos, quedou atrapado debaixo do vehículo

• É o segundo accidente mortal de tractor en Galicia nesta semana

 

Novo Accidente mortal co tractor. Desta volta foi no concello lugués do Saviñao. O falecido é un home de 75 anos. Morreu ao sufrir un accidente co tractor que conducía.  Ía circulando por un camiño na parroquia de Ousende cando o vehículo envorcou e quedou coas rodas para arriba. O home quedou atrapado debaixo do tractor. Ata o lugar do sinistro trasladáronse os equipos de urxencia e mesmo foi mobilizado o helicóptero para evacualo a un hospital, pero o persoal sanitario non puido máis que certificar o falecemento. Este do Saviñao é o segundo morto en accidente co tractor en tres días. A outra vítima foi tamén nesta provincia de Lugo pero nese caso no concello do Incio.

A vítima ía circulando co tractor por un camiño na parroquia de Ousende, no concello lugués do Saviñao. Seica se dirixía a unha leira da súa propiedade cando, por causas que se están investigando, o vehículo que non tiña cabina, envorcou.  

O home de 75 anos quedou atrapado debaixo.  Ata o lugar do sinistro acudiron os bombeiros, a Garda Civil e máis un equipo sanitario.  Mesmo se mobilizou o helicóptero con base no hospital de Ourense por se era necesario o traslado urxente pero finalmente non  foi preciso. Cando rescataron o home de debaixo tractor os médicos non puideron máis que certificar a súa morte.

Este accidente mortal do Saviñao non é o único da semana. O mércores, tamén no sur da provincia de Lugo rexistrábase outro .Foi no concello do Incio. Un home de 44 anos faleceu  logo de quedar atrapado  nunha ferramenta  de partir leña que estaba acoplada ao motor do tractor. Cos dous mortos desta semana, son xa 58 o condutores falecidos en accidente de tractor nos últimos tres anos en Galicia.

 

Noticias web

22/02/2019