CRTVG

Buscar

Unha ancoraxe defectuosa puido ser a posible causa do accidente laboral da Coruña

Publicado o 03/09/2019 15:55

Continúa en coidados intensivos o obreiro que caeu dunha estada mentres traballaba nun edificio da Coruña. Rodrigo Trigo Mourelle, de 33 anos, ingresou no hospital cun traumatismo cranioencefálico severo. Segundo o último parte médico, o seu estado é grave pero estable.

No sinistro perdeu a vida o seu compañeiro e tamén primo, Roberto Trigo Lema. O falecido, de 42 anos, era un traballador experimentado e pai de dous fillos. O seu enterro será ás cinco da tarde deste mércores na parroquia de San Martiño de Razo, en Carballo.

Lembramos qure o accidente ocorreu no número 14 da avenida de Novo Mesoiro na Coruña. Os dous operarios traballaban na instalación dos andamios para a reparación da fachada do edificio, cando a estrutura cedeu.

Ambos traballadores estaban nese momento á altura do quinto andar, a uns vinte metros do chan. Tras a caída, quedaron atrapados baixo os ferros.

A Policía Nacional investiga as causas deste accidente laboral. Pero as primeiras hipóteses apuntan a que a estrutura metálica podería ter unha ancoraxe defectuosa.

Desde o Concello sinalaron que a empresa, a carballesa Remifer, ten todos os papeis en regra.