CRTVG

Buscar

Falece un camioneiro ao envorcar a formigoneira que conducía en Ribeira de Piquín

Publicado o 24/09/2021 11:20
Falece un camioneiro ao envorcar a formigoneira que conducía en Ribeira de Piquín

O condutor dunha formigoneira faleceu esta mañá nun accidente de tráfico que se produciu en Ribeira de Piquín. A vítima é un home de 38 anos, veciño do concello do Corgo.

Segundo a información facilitada polo 112, o accidente produciuse contra as dez da mañá, no quilómetro 9 da estrada autonómica LU-751 que vai desde Meira á capital municipal de Ribeira de Piquín.

Por causas que aínda se descoñecen, o condutor perdeu o control do camión, que acabou por envorcar.

Un particular foi quen chamou ao 112 e informou de que o camión estaba envorcado e de que o condutor podería estar atrapado.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) mobilizou o 061, aos Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil. Posteriormente, os servizos sanitarios de urxencias confirmaron o falecemento do condutor do camión. 

Noticias web

24/09/2021