Falece o traballador dunha canteira no concello lucense da Fonsagrada
Publicado o 25/04/2020 17:54

Un traballador faleceu este mediodía nunha canteira no concello lucense da Fonsagrada. O accidente tivo lugar sobre as 12:30 horas.
Trátase dun varón de 37 anos que conducía unha máquina retroescavadora que traballaba nunha canteira de lousa no lugar de Vilarchao, na Fonsagrada. Por razóns que se descoñecen a máquina envorcou e o home quedou atrapado debaixo.
O 112 mobilizou os servizos sanitarios, a Garda Civil, a Protección Civil e os Bombeiros de Sarria pero só puideron certificar o seu pasamento.