CRTVG

Buscar

Falece o tenente de alcalde de Catoira tras ser atropelado cando repartía pan

Publicado o 23/01/2019 21:58

O atropelo produciuse no lugar de Corredoira de Abaixo. Eduardo Touriño, de 46 anos, era edil do PSOE e tiña competencias no departamento de Obras.

O atropelo aconteceu pouco despois das nove da mañá na estrada que comunica Vilagarcía con Pontecesures, no municipio de Catoira. A vítima é Eduardo Touriño Criado, concelleiro socialista e primeiro tenente de alcalde neste concello pontevedrés. Acababa de facer 46 anos. Ademais da súa dedicación no Concello, traballaba repartindo o pan e foi desempeñando este labor como morreu.

A Garda Civil de Tráfico está a investigar as circunstancias do sinistro. Segundo as primeiras investigacións, o falecido baixaba da furgoneta coa que estaba a repartir o pan cando foi atropelado por un camión que ía en dirección Vilagarcía.

O condutor do camión deu negativo nas probas de alcol e drogas. Ao lugar desprazáronse equipos de Protección Civil e de urxencias médicas.

"Tan pronto nos deron o aviso, viñemos o máis rápido posible, pero xa non había que facerlle. Sobre as 9 da mañá recibimos o aviso dunha persoa atropelada e cando chegamos levamos unha decepción moi grande cando vimos que era o concelleiro e que o estaban reanimando. Derrubámonos todos".

O suceso causou unha consternación moi grande entre o o persoal do Concello e moitos veciños, xa que Eduardo Touriño era unha persoa moi coñecida por ser o concelleiro de Obras e polo seu traballo na panadería.

 

Noticias web

23/01/2019