CRTVG

Buscar

Falece o ex-dirixente de Izquierda Unida, Julio Anguita

Publicado o 16/05/2020 11:54

 

 

O ex-coordinador xeral de IU, Julio Anguita, faleceu este sábado no hospital Reina Sofía de Córdoba. O político andaluz levaba unha semana ingresado despois de sufrir un paro cardíaco no seu domicilio e desde o sábado estaba en estado crítico na unidade de coidados intensivos do hospital cordobés.

Anguita era natural de Fuengirola, en Málaga, e tiña 78 anos de idade.  En 1972 ingresou no Partido Comunista, do que sería secretario xeral, e nas eleccións municipais de 1979 conseguiu alcanzar con esa formación a alcaldía de Córdoba, na que permaneceu ata 1986. Naquela época era apodado o "califa vermello" por ser o único alcalde comunista dunha capital española. 

En febreiro de 1989 foi elixido secretario xeral do PCE e un ano despois, coordinador xeral de Izquierda Unida, coalición a que levou a conseguir os seus mellores resultados electorais nas xerais de 1993 e 1996, ano no que alcanzou o 10% dos votos e 21 deputados, facendo famoso o lema "programa, programa, programa", supeditando ao seu programa electoral calquera pacto co PSOE.

En 1998 deixou a secretaria xeral do PCE, na que o sucedeu Francisco Fruto e meses despois deixou o cargo de coordinador xeral de IU, e foi substituído por Gaspar Llamazares.

Anguita sufríu varios ataques ao corazón, desde 1993 e fora intervido cirurxicamente en dúas ocasións por problemas cardíacos. Acabou a súa vida profesional como mestre e mesmo chegou a publicar un libro no que relata a súa experiencia tras sufrír o primeiro infarto.