Falece o condutor dun vehículo na Fonsagrada nun accidente de tráfico
Publicado o 20/06/2021 20:37

O condutor e único ocupante do vehículo en que viaxaba faleceu ao se lle ir este da vía cando pasaba polo lugar de Cabreira, en Monteseiro, no concello lugués da Fonsagrada. Un particular alertou o 112 de que envorcara un vehículo na estrada entre A Fonsagrada e Grandas.
Advertía de que unha persoa podería estar no interior do turismo. Emerxencias mobilizou o servizo de urxencias sanitarias do 061, os bombeiros de Sarria e a Garda Civil de Tráfico e mais os efectivos de Protección Civil da vila.
Unha vez no lugar confirmaron o falecemento do condutor do turismo. Non se precisou usar o material de excarceración porque a persoa estaba accesible.