CRTVG

Buscar

Falece o actor francés Jean-Paul Belmondo aos 88 anos

Publicado o 06/09/2021 17:11
Falece o actor francés Jean-Paul Belmondo aos 88 anos

O actor francés Jean-Paul Belmondo, unha das grandes iconas do cinema francés, faleceu este luns aos 88 anos tras levar unha longa tempada retirado, segundo anunciou o seu avogado e amigo, Michel Godest, á prensa francesa.

Belmondo, que sufrira un accidente cerebrovascular en 2001, apagouse "tranquilamente", segundo dixo  Godest, quen con voz emocionada comunicou a noticia na canle televisiva BFMTV e sinalou que a súa morte era "unha perda para toda Francia". 

Belmondo, que saltou á fama internacional con 'O final da escapada' (A bout de souffle, 1960), traballou con varios dos grandes directores da 'nouvelle vague' francesa, como Jean-Luc Godard,  François Truffaut, Louis Malle ou Claude Chabrol nos anos 60.

'A serea do Mississippi', 'Unha muller é unha muller' ou 'O ladrón de París' foron algúns dos seus filmes máis destacados desa época. Aos poucos foise especializando en papeis de sedutor e aventureiro, mesmo de gánster, aproveitando o seu físico de exboxeador e o seu sorriso contaxioso. 

Actor en 92 películas, incluíndo curtos e papeis menores, a súa última aparición en pantalla data de 2009, no curto 'Allons-e! Alonzo!'.

 

 

 

Noticias web

06/09/2021