Falece o actor Enrique San Francisco aos 65 anos
O actor e humorista madrileño Enrique San Francisco faleceu este luns aos 65 anos de idade tras varias semanas hospitalizado por unha pneumonía bilateral.
Segundo confirman fontes familiares, o seu estado de saúde complicárase a comezos de ano e o 12 de xaneiro suspendeu a representación que tiña prevista en Getxo en plena xira co espectáculo de humor La penúltima.
O actor levaba anos arrastrando problemas de saúde, agravados no 2002 tras sufrir un accidente de moto polo que estivo máis dun ano sen poder moverse.
"O mundo do espectáculo sempre estará en débeda con el e terá que comezar a transitar o doloroso camiño de aprender a convivir coa súa ausencia", asegurou o seu representante nun comunicado.
"Hoxe preferimos evocar todo o que Enrique nos brindou e conservaremos con nós, para sempre, a súa bondade e a alegría que transmitía a diario a todos os que o rodeaban", continúa.
Cine, teatro e televisión
Cunha ampla traxectoria no cine, teatro e televisión, San Francisco deuse a coñecer con varias colaboracións en películas de Eloy de la Iglesia como "Navajeros" (1980) "Colegas"(1982) ou "El pico" (1983).
“Orquesta Club Virginia”, de Manuel Iborra, ou “Así en el cielo como en la tierra”, de José Luís Cuerda, son outros dos seus traballos cinematográficos máis salientables. En televisión participou en series como “Cuéntame”, “Los ladrones van a la oficina”, “Colegio Mayor” ou, máis recentemente, “Gym Tony”.
Tamén hai que salientar o seu traballo como monologuista en “El club de la comedia” ou no teatro, un xénero fundamental para o actor, como recoñecía nunha das súas últimas entrevistas.
Nado o 10 de marzo de 1955, Quique San Francisco é fillo da actriz Enriqueta Cobo (Queta Ariel) e do actor Vicente Haro. Porén, o seu proxenitor non o recoñeceu ata que cumpriu os 17 anos.