Falece no hospital o motorista accidentado nunha saída de vía en Muros
Publicado o 22/11/2020 13:09

A Garda Civil confirma a morte este domingo do mozo motorista que sufriu unha saída de vía o sábado pola tarde en Muros. O accidente aconteceu na AC-400, no lugar de Serres. Ata o lugar trasladouse o helicóptero medicalizado con base en Santiago para evacuar o ferido ante a gravidade das súas lesións.
O piloto da moto perdeu o control e chocou contra a barreira de seguridade da estrada. Unha hora tardaron os servizos de emerxencia en estabilizar o piloto e un dos carrís de circulación permaneceu cortado dúas horas. Poucas horas despois falecía no Clínico de Santiago.
As redes sociais fixéronse eco cunha ampla difusión desta tráxica noticia, xa que o mozo era moi coñecido en Cee.