CRTVG

Buscar

Falece no cárcere Abimael Guzmán, líder de Sendero Luminoso no Perú

Publicado o 11/09/2021 18:16
Falece no cárcere Abimael Guzmán, líder de Sendero Luminoso no Perú

O terrorista cumpría cadena perpetua desde hai case 30 anos nunha prisión de máxima seguridade en Lima pola súa participación en 30.000 mortes.

O fundador de Sendero Luminoso, o grupo terrorista de inspiración maoísta que levou o pánico nas décadas dos oitenta e noventa ao Perú, morreu este sábado aos 86 anos. Guzmán estaba preso desde 1992.

A Comisión da Verdade e a Reconciliación, creada para coñecer o que pasou naqueles anos de presenza da organización terrorista, determinou que Guzman, tamén coñecido como o camarada "Gonzalo", era responsable da morte de 30.000 peruanos.

As autoridades informaron do falecemento polas complicacións no seu estado de saúde. Nas ultimas semanas transcendeu que se negaba a inxerir alimentos.

Foi capturado o 12 de setembro de 1992 e as autoridades mostrárono dúas semanas despois nunha gaiola. Desde aquel día só fixo aparicións en contadas ocasións, durante os procesos xudiciais aos que foi sometido.