CRTVG

Buscar

Falece José Martínez Couselo, exdirector de 'Atlántico Diario' e de Informativos da Televisión de Galicia

Publicado o 28/05/2021 14:30

Falece aos 83 anos José Martínez Couselo, xornalista de longa traxectoria en varios medios galegos, entre eles a Televisión de Galicia. Dirixiu os Servizos Informativos desta canle nos primeiros anos, a partir de 1986. Estivo á fronte tamén de Atlántico Diario. Os seus traballos en prensa escrita mereceron múltiples recoñecementos, entre eles o Premio Nacional de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro.

Martínez Couselo nacera en Poio o 30 de novembro de 1938. Comezou os seus traballos xornalísticos en publicacións universitarias de Santiago e no desaparecido diario vespertino La Noche. Foi responsable dos servicios informativos do centro territorial de TVE en diversas etapas e tamén exerceu como xefe de prensa da Universidade de Santiago durante unha década. Accedeu en 1986 á dirección dos servizos informativos da Televisión de Galicia. Tamén foi redactor-xefe da Axencia Galega de Noticias (AGN), director do xornal vigués Atlántico Diario e da revista Eco, correspondente de La Vanguardia e da revista Economía e redactor-delegado da revista galega Chan, que se editaba en Madrid dirixida por Borobó.

Traballou tamén en El Correo Gallego, onde mantivo durante anos a sección Con acento gallego, e colaborou co Faro de Vigo. Recibiu distintos galardóns, entre eles o primeiro premio do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o segundo premio Ciudad de Vigo; gañou dúas veces o Premio Banco de Bilbao de Ferrol, o premio Vila de O Grove, amais do Premio Nacional de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro.

 

Noticias web

28/05/2021