CRTVG

Buscar

Falece Xosé Ramón Barreiro, académico e explorador da "auténtica historia"

Publicado o 17/03/2021 17:57

Xosé Ramón Barreiro Férnandezun dos grandes historiadores do país, faleceu este mércores na Coruña aos 84 anos.

Barreiro Fernández (Ribeira, 1936) destacou tanto polos seus ensaios coma polo seu labor divulgativo. Centrou os seus estudos, sobre todo, na historia contemporánea de Galicia.

Catedrático da Universidade de Santiago, foi ademais un activo membro de diversos organismos e entidades da cultura, como a Real Academia Galega, que chegou a presidir. "Foi un compañeiro activo e comprometido coa institución, á que dedicou moito esforzo e moito tempo. Estrañarémolo moito", dixo o presidente da Academia, Víctor Freixanes.

A vinculación de Xosé Ramón Barreiro Fernández coa Real Academia Galega remóntase ao ano 1971, cando foi nomeado membro correspondente da institución; en 1997 converteuse en académico de número e, tras ser tesoureiro da institución entre 1997 e 2001, asumiu a presidencia entre 2001 e 2010. Nese período iniciáronse os procesos de dixitalización de fondos e informatización dos recursos da Academia.

Como especialista na figura de Manuel Murguía, foi ademais coeditor do seu epistolario, máis de 1.600 cartas conservadas no arquivo da Real Academia. Exerceu tamén desde a Academia un papel destacado na divulgación da figura de Emilia Pardo Bazán como director do grupo de investigación A Tribuna da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Sobre a autora escribiu diversos artigos.

Entre outras distincións, recibiu o Premio da Crítica de Investigación en 1985 e 2000, o Premio Santiago da Televisión de Galicia en 1987 e a Medalla Castelao en 1991

Este xoves, ás 23:25 pola G2, emitirase un programa especial sobre a súa figura, no que entre outras cousas deixaba a máxima: "a historia, se é auténtica historia, ten que chegar ás causas últimas dos cambis sociais".

Noticias web

17/03/2021