CRTVG

Buscar

O público poderá enviar condolencias dixitais polo falecemento de Camilo Sesto

Publicado o 08/09/2019 22:04

• Faleceu como consecuencia dunha insuficiencia renal

A SGAE habilitou unha páxina de condolencias nas redes sociais, para que o público poida expresar as súas condolencias pola morte de Camilo Sesto. A capela ardente do artista abrirá as súas portas o luns na sede desta entidade en Madrid. Os restos do cantante descansarán en Alcoi, a súa vila natal.

O derradeiro adeus ao autor de Vivir así es morir de amor poderáselle dar na capela ardente que se abrirá o luns nas instalacións da Sociedade Xeral de Autores de España (SGAE), en Madrid. Os restos mortais de Camilo Sesto serán incinerados e posteriormente trasladados, por desexo expreso do cantante, á súa localidade natal, Alcoi, Alacante.

O tamén compositor e produtor faleceu aos 72 anos na clínica Quirón de Madrid, logo de complicacións renais e de finalmente sufrir un fallo cardiorrespiratorio. 

Camilo Blanes Cortés naceu un 16 de setembro de 1946. Vendeu máis de 100 millóns de discos e colocou máis de medio centenar de temas no número un e non só das listas musicais españolas. Tivo un fillo e produciu obras de éxito mundial como a adaptación da ópera rock Jesucristo Superstar.  

A través dunha páxina creada nas redes sociais, o público poderá achegar unha mensaxe de condolencias polo pasamento dun artista que publicou máis de 40 discos, dos que vendeu máis de cen millóns de copias. En 2016 fixo unha das súas últimas aparicións en público, na presentación do disco con motivo do seu 70 aniversario.

A noticia do falecemento deuse a coñecer a través da conta oficial do cantante na rede social Twitter ás cinco e media da mañá deste domingo. O cantante ingresou na clínica Quirón de Madrid o sábado pola tarde por problemas renais e sufriu unha parada cardiorrespiratoria xa de madrugada.

Nunha das súas últimas aparicións públicas, en novembro de 2018, Camilo Sesto acudiu á inauguración dunha avenida co seu nome na súa vila local, en Alcoi.

O cantautor alacantino foi unha das voces máis salientables da canción melódica española a comezos dos anos 70. Comezou a súa carreira profesional como cantante formando parte do grupo Los Dayson. Ao longo da súa traxectoria vendeu máis de 100 millóns de discos, moitos deles en Latinoamérica, onde triunfou tras o seu paso polo festival internacional da OTI, en 1973, coa canción Algo más.

Na Semana Santa de 1995 fixo a súa primeira aparición no programa Luar da TVG en que  interpretou varios temas do seu extenso repertorio, entre eles o Getsemani da obra Jesucristo Superstar.

Dez anos despois, volvía compartir minutos con Gayoso, que mesmo lle gastou unha pequena broma.