Falece o ex-vicepresidente Alfredo Pérez Rubalcaba
• A capela ardente quedou instalada no Congreso
• O Goberno decreta loito oficial ata o domingo
• Unha vida dedicada á política e ao PSOE
• Os líderes políticos lamentan a súa morte
O Goberno decretou 28 horas de loito oficial polo falemento de Alfredo Pérez Rubalcaba, que empezaron ás oito da tarde. O histórico líder socialista morreu hoxe aos 67 anos, despois de sufrir un ictus o pasado mércores. A primeira homenaxe estanlla rendendo no Congreso, onde está xa instalada a capela ardente.
Pasaba algo das tres e media da tarde cando o voceiro da familia informaba do falecemento de Alfredo Pérez Rubalcaba.
Aos poucos minutos chegaba ao hospital o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Alí estaban xa moitos compañeiros socialistas, algúns deles, visiblemente emocionados.
Case de inmediato, a Casa Real trasladaba as súas condolencias a través de Twitter, e resaltaba o sentido de Estado de Rubalcaba.
Nas súas últimas horas, o ex-secretario xeral do PSOE recibiu o agarimo de familiares, amigos e múltiples compañeiros de viaxe durante a súa vida políica, duns e doutros partidos.
Josep Borrel, ministro de Asuntos Exteriores: "Estivo en todas as frontes, é unha figura política todoterreo, e non hai máis que ver o efecto que levanta en todas as latitudes".
Jorge Fernández Díaz, ex-ministro do Interior: "Compartín a miña vida política os últimos trinta anos con el, e teño que dicir que sempre mantiven con el unha relación non só correcta senón cordial".
O loito chegaba tamén á universidade, onde Pérez Rubalcaba daba clase de Química desde hai catro anos.
A capela ardente de Pérez Rubalcaba instalouse no Congreso dos Deputados. Na sede do PSOE abriuse un libro de condolencias para que quen queira, poida deixar a súa mensaxe.