CRTVG

Buscar

"Foi durísimo", di a familia dun home de Cortegada tras 101 días ingresado

Publicado o 02/07/2020 14:08

Na súa casa de Cortegada recupérase Manuel Vázquez, que pasou 101 días no hospital por mor da COVID, preto de 90 na UCI. El aínda non atende os medios de comunicación pero a súa filla, técnica de emerxencias de profesión, relatounos o seu longo calvario con final feliz.

O regreso de Manuel á súa vivenda de Meréns, en Cortegada, congregou a toda a veciñanza. Levaban 101 días agardando por el.

"Chegar aquí e co apoio de todos os veciños, foi moi emocionante e moi gratificante para todos nós", di a súa filla Patricia.

Na casa recibírono as súas cinco mulleres: a parella, a nai e as tres fillas. Patricia é técnica de emerxencias do 061. Viviu a pandemia desde as dúas posicións. Pendente da evolución de seu pai, mentres atendía outros enfermos.

"Eu empecei a empatizar moito coas familias. Dicía: que pensarán as familias cando entremos nas súas casas e nos vexan así vestidos, porque non nos ven a cara", asegura Patricia.

Manuel, de 71 anos e sen patoloxías previas, colleu a covid en Bernidorm. Pasou 88 días na UCI. Os primeiros corenta foron os peores pra súa familia.

"Estabamos todos separados: miña nai aquí na casa, eu na miña, as miñas irmás, que viven noutra provincia, non podían vir... Foi durísimo, e sumado ás malas noticias que tiñamos. El, o día que ingresa, xa entra en UCI, e non o volvemos ver", explica a filla.

A primeira celebración de sanitarios e familiares foi cando abandonou, por fin, a UCI. Á súa habitación en planta chegou aínda moi débil.

Precisou rehabilitación e segue aínda con ela, agora xa na súa casa.

"O problema é a longa estancia na UCI. A nivel muscular, teñen que empezar desde cero todo", sinala Patricia, quen conta a historia de seu pai, di, para sensilibizar aos que banalizan a COVID, para que non descoidemos as medidas de prevención durante as vacacións: "Que é mellor quedar sen iso que ter que estar pegados a unha cama dunha UCI durante 88 días. E 40 días sen ver o teu ser querido".

Noticias web

02/07/2020