Faise pasar por profesor para estafar comerciantes en Vilagarcía
A alerta partiu do Instituto Castro Alobre de Vilagarcía, despois de que os responsables do centro souberan que un individuo, facéndose pasar por profesor, pedía cartos a comerciantes. Solicitaba entre 40 e 100 euros para patrocinar un suposto torneo deportivo. Polo menos nunha ducia de negocios picaron.
Rocío Louzán, presidenta da asociación de comerciantes Zona Aberta: "É unha persoa maior, di que é un profesor do Instituto Castro Alobre e que van facer unha competición de fútbol feminino. Pide 50 euros para a cartelería e dá un recibí con teléfono, número de DNI, etc. Pero cremos que é falso."
A asociación de comerciantes enviou un aviso a todos os socios. Así puido saberse que o estafador xa actuou o mes pasado e aínda onte estivo en varios comercios.
Maricarmen García, comerciante: "Víase. Eu penso que se nos fixamos un pouco, sobre todo os que levamos anos no comercio, que vemos de todo, decatámonos de que o home non tiña mala pinta pero boa tampouco."
Os comerciantes están afeitos a recibir peticións de patrocinio semellantes por parte de entidades deportivas e culturais. Lamentan que enganos coma este prexudiquen a organización de futuros eventos.