CRTVG

Buscar

Faise pasar por comercial ofrecendo un desconto na luz e róuballe os cartos a un ancián de Riós

Publicado o 24/07/2020 14:27

Un home roubou preto de 700 euros a un veciño de Riós facéndose pasar por traballador dunha compañía eléctrica. Aproveitándose da inocencia do octoxenario, e mentres lle facía asinar uns documentos, o ladrón subtraeulle a pensión que cobrara había uns días e que a vítima gardaba dentro da carteira.

Foi na hora do xantar cando se presentou na casa do Xico de Fumaces un home ofrecéndolle un desconto na factura da luz.

Xico ten 85 anos, vive só e ten a mobilidade moi reducida. O despiadado ladrón aproveitouse da súa confianza e bondade para enganalo e roubarlle os cartos da carteira mentres o entretiña na cociña asinando os supostos documentos do bono social de electricidade.

O delincuente, ao que estaban agardando nun coche, fuxiu coa pensión da súa vítima, case 700 euros que cobrara había oito días. A Garda Civil anda na súa procura, sospeitan que é xente da zona.

A Garda Civil desconfía que poidan dar máis calotes coma este e alertan as persoas maiores a que neste tipo de situacións non se fíen.

Xico quedou sen a súa pensión deste mes, pero agarda que dando a coñecer o seu caso non haxa máis vítimas deste calote, común nos últimos meses na provincia de Ourense.

 

Noticias web

24/07/2020