CRTVG

Buscar

Facua ve imposible a promesa do Goberno de pagar a luz a final de ano como en 2018

Publicado o 15/10/2021 15:10

O Goberno insiste no seu compromiso: que a final deste ano pagaremos a luz como en 2018, descontando a inflación. Volveuno repetir o presidente na súa última entrevista.

"Imos cumprilo coas medidas que tomamos e outras que poidamos tomar ante a eventual desviación deste compromiso", asegurou Pedro Sánchez.

A asociación de consumidores Facua xa sacou a calculadora. En 2018, un consumidor medio pagou 926 euros, 77 ao mes. Neste 2021, de manterse os prezos actuais, pagará, ao cabo do ano, 1.106, cun recibo ao mes de 92 euros. A diferenza é do 19,4 %, por iso conclúen que "é imposible, coas medidas aprobadas, cumprir este obxectivo". E aínda cumpríndose o obxectivo, di o seu secretario xeral, Rubén Sánchez, non sería boa noticia porque "2018 non é un ano a imitar, foi o segundo ano máis caro da historia ata que chegou este".

Lembran, ademais, que o propio Sánchez reclamaba ao daquela Goberno do PP medidas para abaratar a factura. Recordoullo hoxe o portavoz nacional do partido José Luis Martínez-Almeida: "Cando subía un 8 % había pobreza enerxética e agora que subiu máis dun 200 % xa non se reclaman as dimisións que se pedían antes".

Este venres a luz volveu bater outro máximo. As horas máis caras foron entre as oito e as dez da mañá, casualmente as chamadas "horas chan", con tarifa intermedia. E é que as medidas adoptadas polo Goberno e a flutuación do mercado deixaron sen efecto o sistema de tramos horarios que entrou en vigor en xuño.

Noticias web

15/10/2021