Facenda presta 7 millóns ao Concello de Miño para pagar aos expropiados de Fadesa

O Ministerio de Facenda concedeu un crédito de sete millóns de euros ao Concello de Miño, que se corresponde coa cantidade de intereses que debe aos expropiados de Fadesa e, se os aboa antes do primeiro semestre do 2020, os afectados renuncian a cobrar case 300.000 euros.
Este crédito, cunha duración de dez anos, beneficiará uns 200 expropiados e suporá un "desafogo para as arcas municipais", anunciou esta mañá en conferencia de prensa o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, acompañado polo alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo.
"É un día importante para min", subliñou Losada, pola importancia desta decisión do Goberno que facilitará a economía e "a xestión do día a día" de Miño.
Pola súa banda, o rexedor compartiu a alegría por este día ante o seu "medo de que isto quedase nun caixón" debido ás eleccións do pasado novembro e a toma de posesión dos ministros.
"Con este préstamo hoxe termínase un conflito de 18 anos no que os afectados foron ninguneados polos anteriores gobernos municipais e leváronos de maneira innecesaria aos tribunais de xustiza", lamentou o alcalde, que lembrou que os afectados gañaron todas as sentenzas, tamén ante o Tribunal Supremo.
O pasado novembro, Facenda concedeu dez anos máis de prazo ao Concello de Miño para a amortización da débeda de 12 millóns de euros que contraera polo pagamento aos expropiados de Fadesa, que nun primeiro momento ía facer en sete anos.
Dous meses antes, o Concello de Miño e as 200 familias expropiadas para executar a urbanización Costa Miño pola promotora inmobiliaria Fadesa alcanzaron un acordo polo que os afectados cobraron todo o adecuado polos seus terreos, excepto os intereses, quedando a Administración local endebedada.
En 2018, pagaron 1,7 millóns da débeda e terían que abonar a mesma cantidade anualmente pero, grazas ao aprazamento, non pagarán nada ata 2022 e, a partir de aí, abonarán 700.000 euros anualmente ata 2038.
Co préstamo concedido agora, hai un prazo de carencia de dous anos e a primeira cota abonarase en 2023.
O Plan Único da Deputación para 2020 permite usar o total dos fondos que recibe un Concello para mitigar débedas, polo que o Consistorio de Miño poderá axudarse desta partida.