Fabricación de turróns artesáns para o Nadal
Falta pouco máis dun mes para o Nadal. Pode parecer moito tempo, pero nalgúns lugares, como as panaderías, traballan xa contra o reloxo. En especial, as que fan os doces e os turróns artesáns que adozarán as nosas mesas.
Os preparativos do Nadal quentan motores e Claudio tómalle a temperatura ao chocolate.
O proceso ten o seu aquel. Logo de que o chocolate estea fundido, cómpre arrefrialo para traballar ben a pasta. Membro da cuarta xeración de panadeiros no Porriño, hai dez anos que Claudio introduciu a pastelería no negocio familiar. A súa última revolución son os turróns artesáns que elabora libra a libra e con moito agarimo.
O turróns artesáns teñen moita demanda no Porriño. Como non levan conservantes e unha proporción de azucre menor do 30%, son un produto exclusivo da temporada. Cada ano suma máis sabores e máis ingredientes ecolóxicos.
Para a campaña de Nadal neste obradoiro fabricarán máis de 200 libras de turrón artesán.