CRTVG

Buscar

Extinguido tras 48 horas ardendo o incendio da conserveira Jealsa

Publicado o 10/05/2021 20:35

Un retén de bombeiros continuaba esta tarde na fábrica de Boiro realizando xa esas tarefas de vixilancia tras finalizar contra as dúas da tarde o arrefriamento dos últimos restos do lume que afectou a conserveira. O sarxento de bombeiros de Boiro sinalaba que "estamos facendo tarefas de prevención, de vixilancia na fábrica, para evitar posibles conatos de incendio debido á cantidade de combustible que queda dentro. Teremos aínda para uns días."

O lume arrasou con 11.000 metros cadrados da factoría. Non houbo que lamentar danos persoais, pero a existencia de amianto na estrutura das naves obrigou á evacuación temporal de 60 veciños. Francisco Manuel Sampedro explicou que "nunha empresa grande como Jealsa, onde traballa moita xente, a intervención é totalmente diferente aos incendios habituais, que son máis pequenos."

O lume calcinou a zona de conxelados e de procesado, pero respectou a área de produción. A empresa, que dá emprego nesta factoría a máis dun millar de persoas, están intentando reorganizar a produción a través dos centros que ten en diversas partes do mundo, e garante que vai cumprir os seus compromisos con clientes e consumidores. A Garda Civil leva a investigación para determinar a orixe do lume, que semella que se iniciou na zona de conxelación.