CRTVG

Buscar

Controlado o incendio de Salvaterra e extinguido o de Folgoso do Courel

Publicado o 14/06/2021 19:11

O incendio de Salvaterra de Miño está controlado. Segundo Medio Rural, polo momento arderon 350 hectáreas. Nos labores de extinción traballaron máis de 70 efectivos ademais de 33 motobombas, dúas pas e dous helicópteros.

O incendio comezou o sábado e propagouse con rapidez aos concellos de Covelo e Mondariz. A Consellería do Medio Rural confirmou que a orixe foi un raio.

"Tivemos unha fin de semana complicada e xa podo trasladar que foi polas tronadas secas, polos raios", afirma José González, conselleiro do Medio Rural.

No caso do incendio de Folgoso do Courel todo apunta a que foi intencionado.

"Puido ser intencionado, xurdiu de noite, non había tormenta e no medio do monte, pois elementos inflamables en principio non debería haber", di Matilde Arza, de Protección Civil de Folgoso do Courel.

O incendio, que empezou o sábado, quedou extinguido este luns. Foi preciso o traballo de 45 brigadas e 20 motobombas ademais de nove avións e dous helicópteros, que tiveron un especial protagonismo polo accidentado do terreo.

Segundo cálculos de Medio Rural, as lapas queimaron 185 hectáreas. É o terceiro incendio forestal que se rexistra en Folgoso do Courel no que vai de ano, despois dos dous ocorridos en abril cunha semana de diferenza.
 

Noticias web

14/06/2021