Extinguido o incendio de Carnota e controlado o da Mezquita
Os efectivos de loita contra o lume lograron extinguir por completo o incendio que afectaba o domingo ao municipio de Carnota e puideron controlar o que arrasou preto de 240 hectáreas na Mezquita (Ourense). No primeiro caso, o lume quedou sufocado ás 18:49 horas e afectou a unhas 89,02 hectáreas de raso, tras iniciarse na parroquia do Pindo.
Pola súa banda, o incendio da Mezquita (parroquia de Esculqueira), que entrou por Portugal o mediodía do sábado, está controlado desde as 19:30 horas deste luns. De momento, a superficie afectada anda polas 240 hectáreas.
Permanece estabilizado outro lume que arde desde as 12:45 horas na parroquia de Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, e que afecta a 20 hectáreas de arboredo e outras 45 de raso.
Doutra banda, xa están controlados outros dous incendios que afectan desde a tarde do luns ao municipio de Muíños e a parte do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Ambos afectan a preto dunha hectárea cada un e quedaron controlados desde as 18:35 horas e as 18:57, respectivamente.