Expourense acolle a quinta edición da feira internacional Antiq Auria
As persoas afeccionadas ás antigüidades teñen unha cita na Feira Internacional Antiq Auria, en Ourense. Un total de 35 expositores procedentes de tres países ofrecen pezas antigas e de colección para tódolos públicos e todos os petos.
A obra máis antiga que está á venda é as 'Sete partidas de Alfonso X', un corpus legal medieval recollido nun volume do século XVI. Entre as pezas valiosas atopamos tamén obras de artistas contemporáneos galegos, como Quesada, Laxeiro, Lugrís ou Isaac Díaz Pardo. Ademais, hai obxectos moi asequibles.
Entre o público atopamos coleccionistas de toda a vida, coma un afeccionado ás moedas, que ten máis de 5 mil pezas de todo o mundo. Os anticuarios din que notan un cambio de tendencia nos intereses do público que ten que ver cun cambio xeracional.
A feira estará aberta ao público durante todo o día en Expourense. Ademais de mercar, tamén se pode traer da casa obxectos antigos para taxalos e venderllos aos expositores.