CRTVG

Buscar

Escóitanse explosións en Xerusalén tras o lanzamento de proxectís dende Gaza

Publicado o 10/05/2021 17:49

Varias explosións escoitáronse este luns en Xerusalén despois de que soaran as alarmas antiaéreas por disparos de foguetes desde a Franxa de Gaza, segundo informaron fontes do Exército israelí. "Disparáronse sete foguetes desde a Franxa de Gaza contra territorio israelí. Un dos foguetes foi interceptado polo sistema de defensa aérea Cúpula de Ferro", concretou nun comunicado.

As Brigadas Al Qasam do movemento islamita Hamás deran un ultimato a Israel para que retirase as súas forzas policiais do barrio de Al Aqsa (Chaira das Mesquitas) do barrio de Sheij Yarrah de Xerusalén, durante unha xornada de especial tensión, que dura xa semanas. As alarmas que soaron en Xerusalén, algo inusual, seguiron nas comunidades lindeiras a Gaza e a cidade de Sderot, onde un israelí foi ferido leve, segundo o Exército.

Ademais, as milicias de Gaza pediron a liberación de todos os detidos durante as protestas destes días, que se concentraron na Porta de Damasco, entrada á Cidade Vella, e arredores, no leste ocupado de Xerusalén. As forzas israelís entraron hoxe de novo na Chaira das Mesquitas, despois da irrupción do venres, onde se volveron a producir fortes enfrontamentos cos palestinos, que deixaron máis de 300 feridos esta mañá.

Na Porta de Damasco, decenas de mozos palestinos congregáronse para impedir o paso dunha marcha ultranacionalista xudía, polo chamado Día de Xerusalén, prevista para hoxe e que finalmente cambiou de camiño para rebaixar a tensión, aínda que con todo a sucesión de acontecementos apunta a unha escalada.