Non hai feridos na explosión nunha vivenda en Bertamiráns, Ames
Eran arredor das dez da noite cando unha explosión na planta baixa dun edificio alarmaba os veciños de Bertamiráns. Os primeiros en achegarse ao inmoble situado no centro desta vila do concello de Ames entraron na vivenda sen dubidalo.
"Cando entramos oito ou dez veciños para ver o que había, a visión non era moi alá, había moito fume, ata que chegaron os bombeiros e localizamos a señora sentada no sofá, e o que tiñamos medo é que rebentase a cociña, porque foi nunha estancia lateral á cociña". Uns céntraronse en apagar o lume e outros en sacar a señora, que "non parecía ser moi consciente da situación", di Alberto Fernández, veciño do lugar.
"Na vivenda había nese momento tres persoas: unha señora maior, un adolescente e un neno de seis, sete anos", di Blas García, responsable de Protección Civil de Ames.
Coas imaxes aínda recentes da explosión de gas nun edificio de Madrid con falecidos, nun primeiro momento os equipos de emerxencias puxéronse no peor. Axiña chegaron ao lugar axentes da policía, bombeiros e ambulancias. Desaloxaron todo o inmoble.
"En principio, pensouse que podía haber algunha bombona no interior que provocase a explosión. Despois, cando se extinguiu o incendio e se controlou e cando se puido acceder viuse que non había ningunha bombona, o único un ambientador automatizado con bombona de gas pequena que podía provocar, pero tivo que haber un incendio no interior antes por algunha razón", di Blas García.
Fontes próximas contan que o incendio se orixinou cando "un neno lle prendeu lume a unha piñata" no cuarto. Ao parecer, "a ruptura da fiestra dende o exterior" do inmoble ocasionou "a entrada de osíxeno e puido provocar a explosión dos gases do lume".
Só un dos veciños tivo que ser trasladado ao hospital por inhalación de fume, pero non reviste gravidade.
Prodúcese unha explosión nunha vivenda en Bertamiráns, Ames https://t.co/8aLxqApiQj pic.twitter.com/1HRn6Q4tsY
— G24 (@G24Noticias) January 23, 2021