CRTVG

Buscar

Expertos en inmunoloxía piden o autoconfinamento ante os contaxios da terceira onda

Publicado o 19/01/2021 14:13

O rápido desenvolvemento da vacina contra o coronavirus é un fito histórico, pero algúns expertos defenden que hai que mellorar a loxística e a estratexia de vacinación.

Alfredo Corell, especialista en inmunoloxía e divulgador científico, di que "se pensamos en vacinar dous terzos da poboación, uns 30 millóns de persoas, necesitariamos 60 millóns de doses, porque de momento as vacinas precisan de dúas doses. Logo, se puxésemos un millón de doses por semana, precisariamos 60 semanas por diante".

En pleno incremento disparado dos contaxios, apostan por loitar contra o cansazo pandémico reforzando a comunicación coa sociedade, á que lle piden o autoconfinamento.

"Posto que non no-lo están impoñendo as autoridades, que a xente saia só para o estritamente necesario", di Corell.

Cren que 2 ou 3 semanas de restricións máis estritas, serían menos daniñas para a economía que as medidas parciais, e predín unha terceira onda do virus complicada. Pero lanzan unha mensaxe para a esperanza: "Que aguantemos un pouco, estamos preto do final, a vacina vai conseguir que nos inmunicemos, e dicirlles tamén que estean tranquilos, as vacinas que se poñen á poboación son seguras".

 

Noticias web

19/01/2021