CRTVG

Buscar

Expertos aseguran que a inmunidade esterilizante chegará coas vacinas intranasais

Publicado o 02/09/2021 18:58
Expertos aseguran que a inmunidade esterilizante chegará coas vacinas intranasais
EFE

O vicepresidente da Sociedade Española de Vacinoloxía, Fernando Moraga asegurou que para lograr unha inmunidade esterilizante fronte á covid-19, “haberá que esperar ás vacinas de segunda xeración” e puxo como exemplo o fármaco intranasal que está a ser desenvolvido polo CSIC.

Moraga expresouse así, nunha conferencia de prensa que compartiu co presidente da Sociedade Española de Vacinoloxía, Amós García Rojas e Raúl Ortiz de Lejarazu, quen dirixe o curso "VII Encontro de actualización e novas aproximacións en vacinas: Vacinas e Covid-19, a convivencia necesaria" que se imparte na Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP).

Destacou que as vacinas actuais, de primeira xeración, demostraron ser “excelentes vacinas para previr a enfermidade grave, hospitalización e morte” pero, apunta, “non son tan boas para previr a infección. ”Pola súa banda, o director do curso afirmou que o labor das vacinas de primeira xeración enmárcase nun escenario “pandémico agudo”, onde a prioridade é a inoculación “pronto, rápido e en todos os sitios”.

“O que necesitamos é taponar ao enfermo, a maior cantidade de algodón e presión suficiente para que non se desangre”, comparou. Esta falta de prevención fai que en opinión de Moraga, “a meta sexa vacinar ao 95 % da poboación” cos fármacos actuais, para asegurarse que a poboación está protexida fronte á enfermidade grave.

“Cando aparezan as vacinas de segunda xeración intranasais, que se aplican polo mesmo lado que entra o virus, lograrase a inmunidade esterilizante”, engadiu. Ademais, Lejarazu considerou que tras este escenario, enfrontarémonos a un momento de “post pandemia precoz” no que se terán que especificar os calendarios de vacinación en función das características das persoas, se son maiores ou non, se pasaron a enfermidade ou embarazaron. 

Pola súa banda, Amós García Rojas aludiu á avaliación da Axencia Europea do Medicamento, que recomendou unha terceira dose para a poboación inmunodeprimida xa que “a evidencia científica mostra que actualmente a protección non é o suficientemente robusta nestes colectivos”, afirmou.

Unha evidencia que, asegura, aínda non existe para demostrar que se necesite esta terceira dose en colectivos non inmunodeprimidos. Nestes momentos non existe ese coñecemento”, polo que valorou que a día de hoxe “non é necesaria”.

Neste sentido, afirmou que a EMA está a recibir traballos por parte das empresas de vacinas de  ARN mensaxeiro sobre “os perfís de inmunoxénese” para valorar e estudar esta problemática.

En calquera caso, o doutor descarta que haxa ningún tipo de problema co feito de combinar vacinas, en relación a aquelas persoas que recibisen a pauta completa de AstraZeneca e poidan recibir terceiras doses dunha vacina de ARN mensaxeiro. “As pautas están garantidas e mesmo poden ter prestacións superiores”, afirmou García Rojas. “De feito no seu momento recomendouse a segunda con ARN mensaxeiro”, engade. 

Noticias web

02/09/2021