CRTVG

Buscar

Os presos do 'procés' saen de prisión reafirmándose na idea de lograr a independencia

Publicado o 23/06/2021 15:28

Este mediodía, os sete líderes independentistas saian do cárcere de Lledoners portando unha faixa en inglés coa lenda "Liberdade para Cataluña". Fóra, momento de reencontro con familiares, simpatizantes e a plana maior da Generalitat. O presidente Pere Aragonès anulou toda a súa axenda para recibilos ás portas da prisión. Despois, os indultados reafirmáronse nas súas conviccións. Para o exvicepresidente Oriol Junqueras, "non hai ideal e compromiso máis nobre e alto que o da liberdade do país, que o da independencia do noso país". Porque do cárcere, din, saen reforzados, "para traballar pola república, que ninguén se equivoque", dicía o exconselleiro Raul Romeva. O seu compañeiro Josep Rull amosábase convencido de que van conseguir a independencia de Cataluña e "gañar".

Canda eles tamén saíu do cárcere de Barcelona a expresidenta do Parlament Carme Forcadell e, do penal de Figueres, a exconselleira Dolors Bassa. Todos, os nove indultados, tiveron palabras para os líderes fuxidos. 

Jordi Sánchez, secretario xeral de Junts per Catalunya facía unha homenaxe "a toda a xente do exilio" e ao presidente Carles Puigdemont, que segue en Bélxica. Pero o Goberno central insiste en que estes indultos non afectan o expresidente e ínstano a volver. Nunha entrevista radiofónica, o ministro de Xustiza animábao a volver para "ser xulgado polos tribunais españois que o reclamaron".  "É un fuxido da xustiza", engadía Juan Carlos Campo.

O seguinte paso será o encontro que manterán na Moncloa os presidentes Sánchez e Aragonès o 29 deste mes de xuño.

 

Noticias web

23/06/2021