CRTVG

Buscar

Existe unha máscara para cada tipo de uso e non convén reutilizalas

Publicado o 20/04/2020 14:26

Pouco a pouco, foise normalizando a utilización de máscaras por parte da poboación en xeral conforme comezaron a estar dipoñibles nas farmacias. As hixiénicas están pensadas para as aglomeracións e para os postos de traballo, mentres que as cirúrxicas manteñen a asepsia en caso de contaxio. Ademais, hai varios tipos de máscaras autofiltrantes.

Xoán Fontenla, farmacéutico: "A día de hoxe sería usar FFP2, pois non contaminas os demais nin te contaminan a ti. O problema é que moitas destas veñen cunha válvula respiradora, que é moi cómoda para a persoa que a ten posta pero ocorre que bota aire pola válvula, polo que se a persoa está contaminada está botándolle contaminación a outra persoa, pois non paran a infección. As que si paran a infección son as FFP2 sen válvula respiradora, chamada comunmente filtro".

María Carrera, farmacéutica: "E agora están tamén as que autorizou o Goberno e que están a ser repartidas, que son as chamadas máscaras hixiénicas. Cumpren unhas normas de fabricación e en teoría son reutilizables, poiis se poden lavar na lavadora".

A reutilización das máscaras está desaconsellada, pero en caso de necesidade existen varios métodos para esterilizalas. Entre eles, o lavado a máis de 60 graos nun ciclo normal de lavadora, mergullar en auga media hora cunha quincuaxésima parte de lixivia ou meter media hora no forno a 70 graos.

Arturo Fernández de la Torre, farmacéutico: "Non son moi proclive a utilizar o microondas para durante media hora a 70 graos e tal, porque entón o imos facer é recuperar o filtro en certa medida, pois non se vai recuperar de todo. Non podemos esquecer que a máscara é un produto descartable, cun uso limitado. O filtro ten un tempo de vida media, e a máscara cirúrxica tamén. Son de usar e tirar".

En calquera caso, convén consultar os farmacéuticos sobre o uso idóneo de cada máscara.

Noticias web

20/04/2020