CRTVG

Buscar

Desfile faraónico no traslado dunha vintena de momias a un novo museo no Cairo

Publicado o 04/04/2021 11:22

A bordo de furgóns con control de temperatura e en cápsulas de nitróxeno, decorados con ás e motivos faraónicos, dezaoito reis e catro raíñas, na súa maioría procedentes do Imperio Novo, protagonizaron un paseo dunha hora de duración polas avenidas paralelas ao Nilo na busca da súa residencia definitiva.

Un espectáculo solemne e propagandístico de Exipto para tratar de impulsar o turismo debilitado pola pandemia. Unha caravana de 22 momias reais desfilou cun calculado boato pola rúas da megalópole exipcia nunha cerimonia preparada durante meses polas autoridades locais para facer notorio o traslado dos monarcas do Antigo Exipto a un novo museo situado ao sur da urbe.

Acompañada por un espectáculo de luz e música e o estrondo de 21 salvas de artillería, a comitiva saía do Museo de Antigüidades do Cairo, emprazado na icónica e céntrica praza Tahir, cara ao Museo Nacional de Civilización Exipcia, unha nova institución construída a uns 5 quilómetros do corazón da cidade, no distrito do Fustat, a orixe da primeira capital islamita de Exipto.

Noticias web

04/04/2021