CRTVG

Buscar

Exhuman en Lugo, para ampliar o cemiterio, 32 corpos de persoas sen recursos falecidas hai 30 anos

Publicado o 20/04/2021 13:31

Os restos das persoas sen recursos adoitan exhumarse ao cabo de cinco anos, pero os 32 corpos enterrados nesta parte do cemiterio lugués de San Froilán entre 1989 e 1991 puideron permanecer ata o día de hoxe. A razón é que o Concello de Lugo non tivo necesidade de facer sitio, pero iso mudou. No seu lugar realizarase unha ampliación con capacidade para 90 féretros.

Serafín Saavedra, encargado do cemiterio municipal de San Froilán: "Agora mesmo os cidadáns estannos pedindo poder comprar unha sepultura aquí, na parte antiga do cemiterio. Entón, pois son 30 sepulturas cunha capacidade de tres enterramentos por cada unha. Serían, en total, 90 enterramentos".

Os traballos de exhumación e de clasificación foron contratados a unha funeraria de Lugo, que tamén se ocupará de incinerar as amputacións enterradas no mesmo lugar. Posteriormente, os restos permanecerán identificados durante medio ano por se algún familiar se quere facer cargo deles.

Serafín Saavedra, encargado do cemiterio municipal de San Froilán: "Ímolos seguir mantendo identificados durante outros seis meses máis por se acaso aparece algún familiar directo que puidera reclamar os restos para inhumalos noutra sepultura. Despois pasarán xa a un osario común".

No futuro, prevese que se realicen os mesmos traballos nun terreo próximo en canto sexa necesario ampliar de novo a parte histórica deste camposanto.

Noticias web

20/04/2021