Exaltación do traxe no Domingo das Mozas
O ambiente de festa pálpase na rúa e iso que hoxe o día levantouse algo triste. Segundo avanza a xornada comezan verse persoas ataviadas co traxe tradicional, ao que está dedicado este día.
Era o traxe de festa, o de lucir os domingos e, coma non, tamén o Domingo das Mozas, un dos días máis sinalados do San Froilán porque era cando os veciños das parroquias de arredor acodían á cidade para gozar dos festexos. O costume quedou e hoxe é normal encontrar a xente vestida co traxe tradicional.
Logo da exhibición de traxes tradicionais na Praza Maior chega a ofrenda a Rosalía de Castro, que este ano fai a escritora María Reimóndez.
A festa continúa toda a xornada, con música na rúa e ambiente en todos os recunchos da cidade para celebrar as festas de San Froilán, declaradas de Interese Turístico Nacional.