CRTVG

Buscar

Evitar roubos nas vacacións: "Dar a imaxe de que a vivenda pareza que está habitada"

Publicado o 28/07/2021 14:54

Nestes días en que moitos preparan as maletas para marchar de vacacións, cómpre tomar algunhas precaucións para evitar ser o obxectivo dos ladróns. Parece obvio, pero é importante deixar a porta da casa pechada con chave. E as forzas de seguridade recomendan que non pareza que a vivenda queda baleira.

"Intentando que por medio dun amigo ou dun veciño a caixa de correo estea baleira, a alfombra estea estirada, que as ventás non estean completamente cerradas, dar unha imaxe de que pareza que está habitada e non baleira de vacacións", explica Teresa Ramos, a voceira da Policía Nacional en Ourense.

Pero, sen querelo, podemos estar dando pistas de que a vivenda queda deshabitada, por iso a policía recomenda: "Non publicar nas redes os movementos de vacacións ou comentarios, ou ben se estás de vacacións publicar fotografías que denotan que non estás vivindo na casa nese momento. E calquera persoa que sexa estraña no edificio e coa que coincidamos, preguntarlle quen é a onde vai", di a voceira da Policía Nacional.

En Ourense neste mes de xullo diminuíron os roubos con respecto ao ano pasado e por agora a policía recibiu menos de 10 denuncias, sobre todo no centro da cidade.

"Estes roubos que temos son executados por persoas de delincuencia ocasional, nunca bandas organizadas, de feito, puidemos mencionar que son pouco profesionais", asegura Teresa Ramos.

Buscan, sobre todo, cartos e xoias, por iso as forzas de seguridade tamén recomendan ter fotografías das xoias que queden na vivenda. Avisar se escoitan algún ruído estraño no edificio pode evitar que se materialice o roubo.

 

Noticias web

28/07/2021