CRTVG

Buscar

Os eventos culturais poderán encherse ata o 75 % de capacidade desde o sábado

Publicado o 22/09/2021 17:32

• Foz e O Barco de Valdeorras soben ao nivel medio de restricións

• A Xunta agarda pechar esta semana un plan co ocio nocturno desvinculado da incidencia dos concellos

Nos eventos culturais vanse permitir ocupacións de ata o 75 por cento. Haberá ata 5.000 persoas en concertos ao aire libre e na práctica deportiva pasarase de grupos de 6 a grupos de 10. Novos avances da desescalada que relaxan agora as restricións nestes novos ámbitos. "En nivel alto, medio e medio-baixo pasamos ao 75% sen límite de persoas. Nos concertos ao aire libre de pé poñemos un máximo de 5.000 persoas en parcelas de 500 persoas e sen superar o 30% de ocupación desas parcelas", explicou o consello de Sanidade Julio García Comesaña.

Desde a Consellería de Sanidade aclaran que non se toca a capacidade nos eventos deportivos, que seguirá sen cambios. Eses cambios prodúcense na práctica do deporte onde se amplía o tamaño dos grupos.

A apertura débese á boa evolución epidemiolóxica de Galicia, que segue recortando incidencias e sumando concellos sen covid−19. Agás nos casos de Foz e do Barco de Valdeorras, aos que atinxen tamén as decisións semanais do comité.

"A Xunta de Galicia decidiu subir ao nivel medio de restricións os concellos de Foz e O Barco de Valdeorras, cunha incidencia maior debido aos gromos nos seus centros educativos. Quero lembrar que os menores de 12 anos están aínda sen vacinar e agora mesmo son o grupo de idade que sofre incidencias maiores en Galicia e no resto de España", explicou Comesaña. 

Sanidade facilitou hoxe o primeiro balance desde que comezou o curso escolar. Na última semana a covid−19 sumou en Galicia 364 casos na comunidade educativa que obrigaron a pechar sete aulas.

Vacinación dos máis pequenos

O conselleiro fixo fincapé na cuestión dos nenos e avanzou que o Sergas "está a traballar para ter todo preparado" para "iniciar", en canto sexa posible, a vacinación no colectivo de menores de 12 anos.   

A farmacéutica Pfizer culminou o seu estudo internacional para este grupo de idade con resultado, segundo anunciou, positivo para a inoculación, e pide agora autorización ás axencias do medicamento para a inxección do medicamento.   

Comesaña explicou que agora están pendentes dos resultados de Pfizer que xa foron anunciados e que trasladou á Axencia Europea do Medicamento (EMA). Esta farmacéutica tamén ten en marcha un estudo entre recentemente nados e cinco anos, do que se esperan resultados antes de final de ano.   

"Estamos a traballar para, nese momento, ter todo preparado para iniciar canto antes esa vacinación", apuntou Comesaña.

Con preto do 92% da poboación diana vacinada o Sergas comeza a desmontar os centros de vacinación masiva. 

Monforte baixa ao nivel medio-baixo

O concello de Monforte de Lemos, pola súa banda, pasará ao nivel medio-baixo, en que se atopa a práctica totalidade da comunidade galega.

Destacou tamén o conselleiro a primeira posición de Galicia na campaña de vacinación: "Administramos do 100 % das doses recibidas, estamos no 93,5 % de poboación diana cunha dose e no 91,2 coa pauta completa".

No comité clínico avalían o posible uso do certificado covid en ocio nocturno, acceso a hospitais ou residencias de maiores, unha vez que o Supremo avalou o seu uso.

Noticias web

22/09/2021