CRTVG

Buscar

Evacúan dúas mulleres en Chantada que estaban pechadas na casa, desnutridas e deshidratadas

Publicado o 12/04/2021 13:27

Dúas veciñas de Chantada están no hospital comarcal de Monforte. A Policía Local puido entrar na súa casa coa axuda dos bombeiros, onde levaban días encerradas. Estaban desnutridas e deshidratadas. Unha muller roza os 90 anos de idade e a súa filla, de 48. Había tempo que os veciños non sabían nada das dúas mulleres, desta vivenda da avenida de Lugo e que adoitaban ir xuntas do supermercado. Ao parecer a última persoa que dixo ver unha delas fíxoo hai uns 15 días, cando se atopou coa filla entrando na casa. Da nai había moito tempo que non se sabía nada.

Unha veciña aseguraba: "Ou están enfermas ou algo pasa aí. A ver se están mortas. Tíñamos medo. E entón foi cando viñeron e tiveron que romper a fiestra para poder sacalas para fóra porque non abrían. Xente enferma, porque ben non estaban".

Alertado polos veciños, o Concello enviou a Policía Local para que chamase á porta e pescudase se estaban ben. Os axentes non atoparon resposta e houbo que recorrer a unha orde xudicial para acceder á vivenda e aos bombeiros.

Cristian Varela Casas, do Parque de Bombeiros de Chantada: "Puxemos unha escada para acceder pola fiestra. Tivemos que forzala facilitamos a entrada dos dous axentes da Policía Local, que foron os que entraron ao interior da vivenda."

Dentro atoparon as dúas mulleres metidas na cama, pegadas a unha á outra, moi desnutridas e con síntomas de deshidratación. A casa estaba repleta de lixo e había moi mal cheiro. Un equipo sanitario atendeunas e leváronas ao hospital. As mulleres poderían requirir o seu ingreso nalgún centro que as atenda.

Noticias web

12/04/2021