CRTVG

Buscar

Eva Dios, 20 por cento de audición e cen por cen de talento

Publicado o 19/02/2021 20:41

Eva Dios acaba de cumprir un dos seus soños. A xogadora do Deportivo Abanca entrou na última convocatoria da selección sub-19. "Sempre hai algúns nervios porque ao final é a selección española, un soño para calquera xogadora e aos poucos imos tentando entrar un pouco máis en xogo", recoñece.

Pero o caso de Eva é especial por outra razón: "Eu teño unha perda aproximadamente dun 80 por cento ou algo así e utilizo audífonos que o que fan é aumentar o son, basicamente. Téñoo dende os 3 anos aproximadamente e levo con isto dende sempre".

Ese problema non lle impediu destacar dende moi nova. Empezou a súa carreira no Céltiga e no 2018 foi bronce no Campionato de Europa de fútbol sala para persoas xordas. Ademais foi elixida no quinteto ideal e mellor xogadora nova. Este verán asinou co Deportivo Abanca. Eva ten que xogar con dous audífonos: "Un adestrador díxome que qué pasaba, que os quitase e seguise xogando e sénteste un pouco perdida"

Eva soubo superar as súas dificultades e demostrou ter un sitio entre as mellores. O seguinte reto, volver á selección pero desta vez á absoluta.

Noticias web

19/02/2021