Euskadi pide ao Goberno recuperar o toque de recollida e a obrigatoriedade das máscaras
O Ministerio de Sanidade avisa: "Estamos nun momento moi delicado da pandemia". Analizarao esta tarde coas comunidades autónomas. E moitas chegan xa con demandas de medidas máis duras.
O lehendakari pediulle directamente a Sánchez por carta recuperar o toque de recollida, limitar as reunións e cambiar o decreto sobre as máscaras para que volvan ser obrigatorias en exteriores. E proponlle que modifique o texto de inmediato, antes de convalidalo, xa que vai mañá ao Congreso.
A maioría das comunidades autónomas van endurecendo as medidas dentro da marxe que teñen. En Castela e León pechan dende hoxe o ocio nocturno no interior e prohiben todo consumo nas barras. En Murcia non se venderá alcohol a partir das dez, e Valencia e as Baleares recomendan xa o uso da máscara en todo momento.
No Mininisterio de Sanidade cren que se a xente cumprise, a normativa actual sobre as máscaras sería suficiente. Na reunión desta tarde tamén se analizará a falta de vacinas que denuncian algunhas comunidades como Madrid.