Euskadi decreta a emerxencia sanitaria fronte á covid-19
En España seguen activos 837 gromos e a cifra segue subindo. O Goberno vasco declarou hoxe a situación de emerxencia sanitaria na comunidade, mentres Madrid e Cataluña realizan cribados masivos nos municipios con máis incidencia de coronavirus.
Con 610 novos casos nas últimas horas, Euskadi declarou hoxe a emerxencia sanitaria. Deste xeito, o lehendakari Íñigo Urkullu asume o mando único para adoptar medidas adicionais ás acordadas entre o Ministerio e as comunidades autónomas. De momento, descartan o confinamento total, aínda que si confinamentos parciais por zonas, e mesmo toques de queda. Mañá explicitaranse as medidas concretas e restricións que, segundo se adiantou, terán que ver con capacidades, as agrupacións de persoas, o transporte público e a hostalería.
A Comunidade de Madrid puxo esta mañá en marcha a súa nova estratexia fronte ás repuntas. E comezou polo distrito de Carabanchel. A través de mensaxes convocaron aleatoriamente mil veciños de entre 15 e 49 anos, a franxa de idades con maior taxa de contaxio, para facer voluntariamente probas PCR.
En total esperan facer seis mil probas en catro distritos, Carabanchel, Usera, Villaverde e Vallecas, e dous municipios, Alcobendas e Móstoles.
Carmen Migueles Guerrero, subdirectora de Enfermería de Urxencias do SUMMA 112: "A priori parece que hai unha lixeira maior incidencia de casos nos distritos seleccionados, pero con isto imos comprobar se efectivamente é así".
Os cribados poderán estenderse a máis zonas da comunidade se fose preciso.
En Cataluña, que nas últimas horas notificou outro milleiro de novos positivos confirmados por PCR, continúan os tests masivos nos barrios de Barcelona. Despois de Torre Baró esta fin de semana, hoxe comezaron no barrio de El Besòs-el Maresme.
Nova repunta de casos en Murcia con preto de 80 positivos novos. Na residencia de menores no municipio de Alguazas están contaxiados 17 usuarios e 8 traballadores.