Euskadi recomenda que os nenos non se relacionen entre si nos espazos públicos
Madrid concentra un de cada tres novos casos. Ségueno Cataluña, Andalucía e o País Vasco.
Con máis de sete mil casos novos notificados -máis de tres mil deles na última xornada-, e 122 mortos nos últimos sete días, España dobra o número de hospitalizados nunha semana.
A situación máis complicada está en Madrid, especialmente nos distritos da zona sur da cidade, onde se están a realizar test masivos para detectar casos asintomáticos. Hai 26 gromos activos, co risco engadido, segundo apuntan as autoridades sanitarias, da volta de vacacións que se producirá nos próximos días.
A Comunidade estuda novas medidas, que apuntan a reducir a mobilidade e as ocupacións. Para iso, estase estudando o encaixe legal, despois de que un xuíz decidise deixar en suspenso a orde da comunidade que prohibía fumar.
En Cataluña preocupa especialmente a situación de Reus, onde a taxa de incidencia do virus se multiplicou por 15 en dúas semanas. Realizaranse 3.000 probas PCR nos próximos tres días e recoméndaselle á poboación saír da casa unicamente para labores imprescindibles.
O País Vasco rexistra 724 casos, a cifra máis alta desde o inicio da pandemia. Aínda así, o número de PCR e a situación dos hospitais é ben distinta.
Desde o Goberno Vasco chaman á responsabilidade, e instan a que os nenos non se relacionen entre si en espazos públicos. Confirman que están na segunda onda do virus e piden reducir as relacións sociais aos conviventes.
Castela-A Mancha clausurará as salas de alterne con independencia da súa licenza de actividade.