Euskadi anuncia o seu peche perimetral e limita a mobilidade entre municipios

O Goberno vasco decide confinar perimetralmente a comunidade autónoma, e tamén todos os seus municipios, desde as 06:00 horas deste martes. É dicir, que os cidadáns só poderán saír das súas localidades de residencia por causas xustificadas, como ir traballar ou ao médico, estudar ou atender familiares que precisen de coidados.
A conselleira de Saúde, Gotzone Sagardui, anunciou este luns novas restricións tras a declaración do estado de alarma en toda España, o que permitirá aplicalas sen medo a que sexan tombadas pola xustiza. O anuncio destas restricións, comúns para toda a comunidade autónoma sen distinción de zonas segundo o seu impacto, chega o mesmo día en que se coñece que Euskadi entra en zona vermella, tras superar a taxa acumulada en 14 días de 500 casos de covid−19 por cada 100.000 habitantes.
Por outra banda, limítase a mobilidade en horario nocturno desde as 23:00 ata as 06:00 horas, o mesmo horario de toque de recollida decretado polo Goberno español, e prohíbense as reunións de máis de seis persoas.