CRTVG

Buscar

Europa vai do temor ao colapso á esperanza dunha vacina salvadora

Publicado o 10/11/2020 13:48

• As autoridades italianas advirten da saturación dos hospitais

• Alemaña suma máis de 15.000 contaxios por covid-19 en 24 horas

As autoridades sanitarias italianas advirten do risco dunha epidemia incontrolada no país se seguen aumentando os contaxios por coronavirus e a saturación dos hospitais. Mentres, os novos contaxios continúan á alza en Alemaña, pero a menor ritmo que nos días anteriores.

Alemaña rexistrou 15.300 novos contaxios e 154 falecidos máis nas últimas 24 horas. Segundo os datos facilitados polo Instituto Robert Koch, a incidencia acumulada nunha semana é de 139 casos por cada cen mil habitantes e hai tres mil camas UCI ocupadas por pacientes covid en todo o país.

A saturación dos hospitais polo incremento de contaxios é o principal problema que presenta a evolución da pandemia en Italia que podería derivar nunha situación incontrolada, segundo advirte o Instituto de Sanidade italiano.

Nalgúns hospitais os pacientes reciben osíxeno nos seus propios coches mentres esperan para poder ingresar no centro sanitario.

A provincia autónoma de Bolzano, no norte do país, pasará esta medianoite ao máximo nivel de restricións e outras cinco rexións ingresarán no nivel inmediatamente inferior.

Varios medios de comunicación locais aseguran que o Goberno italiano estaría pensando nun confinamento nacional se nos próximos días non diminúen os contaxios.

Un día despois de coñecerse que a vacina desenvolvida pola farmaceútica Pfizer é efectiva ao 90 por cento, a Asociación Médica Británica anunciou que, cando chegue o momento, as clínicas do Reino Unido estarán abertas os sete días da semana para administrar as doses á poboación.

O Goberno británico ten comprometidas corenta millóns de doses da vacina da farmacéutica estadounidense.

Noticias web

10/11/2020