CRTVG

Buscar

Europa prepárase para a inminente chegada das vacinas contra a covid

Publicado o 17/12/2020 15:11

Europa anuncia que a vacinación podería comezar o 27 de decembro, e os preparativos para afrontar o primeiro reto, o loxístico, están en marcha.

Estas primeiras vacinas que se van distribuír, as de Pfizer-Biontech, teñen que conservarse en ultraconxeladores que xa se foron adquirindo tanto polo Goberno central como polas comunidades.

Dende eses puntos de almacenaxe distribuiranse aos centros de vacinación, segundo as vaian precisando.

"As vacinas xa van empaquetadas con xeo que permite a temperatura axeitada, para administralas nun prazo de tempo", explica Laureano Otero, director de operacións da empresa loxística Oozie Tech, que aclara que as vacinas "poden estar cinco días á temperatura dun refrixerador normal".

E en canto se abra a vacinación, abrirase tamén o Rexistro Covid-19 para recoller datos en todas as comunidades e poñelos en común.

Segundo explicou Salvador Illa, ministro de Sanidade, vai ser un "sistema de información compartida", que permitirá coñecer como evoluciona a vacinación no país e "que efectos ten na poboación".

Explican os expertos que é un procedemento habitual para controlar a implantación dunha nova vacina e dar unha resposta rápida se é preciso.

"Faise por se hai calquera mínimo sobresalto ou efecto secundario, sexa rapidamente identificable", explica Daniel López-Acuña, exdirector de Acción Sanitaria da OMS.

A falta de pechar os detalles, está previsto que rexistre tamén se a persoa finalmente non se vacinou e por que motivos. En cousa de dez días poderían chegar as primeiras vacinas, desenvolvidas nun tempo récord.

 

Noticias web

17/12/2020