Europa estuda desvincular os prezos do gas dos da electricidade
Bruxelas xa estuda desvincular os prezos do gas dos da electricidade para abaratar a factura da luz. Esta medida cambiaría radicalmente o mercado enerxético europeo, baseado agora en mesturar os custos de todas as enerxías para acadar o prezo final para o consumidor.
Foi a presidenta da Comisión Úrsula von der Leyen quen anunciou que o seu equipo estuda desvincular os prezos do gas do resto das enerxías. E comparou ese hidrocarburo coa estabilidade das renovables.
Separar o gas durante a formación dos prezos enerxéticos no mercado grosista permitiría rebaixar a factura eléctrica en España e no resto do continente. Na actualidade, Europa importa o 90 % do gas que consume e o 97 % do petróleo.
A Comisión móvese ante a presión de varios países pola suba espectacular dos prezos da luz. E en dúas semanas tamén levará ao cumio europeo a posibilidade de crear unha reserva estratéxica de hidrocarburos para toda a UE.
Este almacenamento empregaríase en crises como a actual. E sería o primeiro paso para que Bruxelas mercase gas nos mercados internacionais en nome de todos os países comunitarios.